Maurici Farto |
Resulta curioso que moitos dos grandes compositores e recompiladores de
folclore galego naceron alén das nosas fronteiras e, ao longo da súa
vida, demostraron un amor tan grande por este chan que dificilmente pode
ser superado por outros tantos daquí. Tal é o caso do xenial compositor
e director de Cántigas da Terra, Mauricio Farto Parra, nado en
Valladolid na segunda metade do S.XIX.
Aínda que con
ascendencia galega, Farto véu descubrir o seu amor por Galiza escoitando
a Banda Isabel II, que interpretaba temas de noso ao estar formada na
súa maioría por galegos. Tamén esencial foi Xosé Braña Muíño, director
da Banda do Rexemento Nº8 con sede na Coruña, que a raíz dunha actuación
en terras castelás, animouno a trasladarse á cidade do vento. Xa aquí,
Braña soubo sementar no compositor mozo toda a maxia das melodías
propias. Cara 1902, a Banda estreou a primeira obra galega de Farto,
“Froleos”, chea de motivos tradicionais. Nestes anos fundou a rondalla
Blanco y Negro, dirixiu o Orfeón El Eco e conseguiu praza fixa de
alguacil na Audiencia Territorial.
Desde a súa chegada á
Coruña, axiña tomou contacto coa intelectualidade
rexionalista-galeguista da altura. Nomeadamente frecuentou a Libraría
Rexional de Uxío Carré até o seu peche en 1908. Alí amigouse con Lugrís
Freire, Xosé Baldomir, Eladio Rodríguez e tantos outros. Nestas
tertulias Víctor Said, membro do pioneiro coro Aires da Terra, fixo
decatarse aos presentes da importancia destas agrupacións na
recuperación da personalidade de Galiza. Farto tomou boa nota e propuxo a
creación do orfeón Follas Novas (sen relación co actual), onde
interpretar temas tradicionais e composicións del, mais a iniciativa non
prosperou. Porén, un grupo de mozos axiña promoveron a creación de
Cántigas da Terra, coro enxebre con grupo de teatro, que verá a luz a
fins do 1916 baixo a presidencia de Eladio Rodríguez e a dirección do
mestre Farto. O seu fito máis sinalado nesta etapa é a estrea da
muiñeira “O Quer que lle quer” durante o descubrimento dunha placa
conmemorativa na casa natal de Curros.
En 1922 deixou Cántigas
para fundar Queixumes dos Pinos, que só duraría dous anos. O incasable
Farto continou na súa teima de atopar unha agrupación que interpretase
as súas composicións e, finalmente, será Saudade quen cumpra o seu
desexo. Para este coro creou varias estampas con Leandro Carré (“A
espadela”, “Unha palillada en Camariñas”...) e mesmo unha zarzuela
galega con libreto de Antón Vilar Ponte titulada “A probiña que está
xorda”, sobre o coñecido poema de Rosalía. Estas obras foron concebidas
para orquestra (con gaita) e voces.
Mauricio Farto |
En vida colleitou numerosas
homenaxes, expresión de profundo afecto polo mestre Mauricio Farto. Os
últimos anos viviunos na súa casa da rúa do Socorro da Coruña, onde
finou en 1947.
Con todo, a súa dimensión máis descoñecida e
quizais a máis importante é a de recompilador de folclore musical. Co
seu traballo de afinador de pianos, Farto adicouse boa parte da súa vida
a percorrer aldeas e romarías transcribindo cantos de arrieiro, alalás,
maneos, pandeiradas e un sinfín de melodías autóctonas. O historiador
Ramiro Cartelle contabilizou no seu arquivo duascentas recollas.
A maioría das orquestras sinfónicas, bandas de música e corales
céntranse hoxe en día e case por enteiro ao repertorio foráneo,
salpicando no mellor dos casos algunha pincelada de País coas catro
obras sobradamente coñecidas. Mágoa. Hai pouco tiven a fortuna de
visitar parte do arquivo de Farto que hoxe se atopa depositado na
coruñesa Academia de Belas Artes. Todo un luxo para constatar unha
realidade tan emocionante como triste: a alma musical de Galiza metida
nun caixón.
http://amonteira.blogspot.com/2010/08/lembrando-mauricio-farto-parra-1967.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario