Saturnino Cuíñas Lois Cura de Cesullas e folclorista benemérito
Carballedo (Cotobade. Pontevedra) 21.12.1897.
Cesullas (Cabana de Bergantiños) 07.04.1978.
Tras ser capelán da Condesa de Torre Penela de Carballo e da familia
Figueroa en San Martiño de Horto (Abegondo), Saturnino Cuíñas Lois foi
enviado como párroco a Santo Estevo de Cesullas en substitución de
Manuel López Porto. Preséntase en Cesullas o 10 de abril de 1931 coa súa
nai Adelina e irmáns Aurelio e María.
Desde a chegada, a súa
parroquia de presentación cobrou un importante dinamismo no eido
relixioso, festivo, social e mesmo en infraestruturas. Creou coros
parroquiais, deulle vida ás celebracións relixiosas do Nadal ou
achegouse á xuventude a través das festas do catecismo. Foi unha persoa
importante para que se construíse a estrada de Neaño a Baio.
Como pagamento polo seu labor, a corporación municipal nomeouno fillo
adoptivo de Cabana de Bergantiños o 17 de marzo de 1956 cando cumpría as
vodas de prata como párroco. Neste acto descubriuse unha placa de
mármore na igrexa de Santo Estevo.
Desempeñou o seu
traballo pastoral ata poucos momentos da súa morte, o 7 de abril de
1978. O seu pasamento foi todo un acontecemento social na comarca de
Bergantiños. Asistiron veciños de concellos colindantes e a corporación
municipal en pleno. O enterro foi oficiado polo arcebispo de Compostela
Ángel Suquía. Quedou soterrado no cemiterio parroquial.
Cinco
anos despois, o 21 de agosto de 1983, o Concello de Cabana de
Bergantiños realizoulle unha homenaxe póstuma e recoñeceuno como fillo
predilecto. Nos actos culturais participaron as corais Coral de
Bergantiños, Toxos e Flores de Ferrol, Follas Novas, Lembranza e
Cántigas da Terra da Coruña, o grupo folc Marea Baixa de Carballo, os
grupos folclóricos da Asociación Cultural Río Anllóns de Ponteceso e do
colexio público As Revoltas de Cabana; o humorista O Xestal deleitou os
asistentes cos seus divertidos chistes e despois cantou por primeira vez
en público acompañado por Xosé Manuel Eirís que tocaba unha das
zanfoñas que pertencera a Saturnino Cuíñas. Como fin de festa, Andrés
Rei dirixiu a interpretación do famoso Berro Seco. Tamen se colocou unha
placa conmemorativa na fachada da ermida de San Fins.
Saturnino Cuíñas e o San Fins do Castro
A romaría do San Fins do Castro, festa patronal por excelencia de
Cabana de Bergantiños, é filla de Saturnino Cuíñas porque a dotou duns
elementos singulares e únicos que a distinguen doutras romaxes galegas.
A personalidade do cura de Cotobade está presente no Berro Seco "un
triple berro informe, a coro, no que cada quen participa como pode", en
palabras do propio Cuíñas. Hai escritores que encontran no Berro Seco
reminiscencias dun pasado celta, outros emparéntanos cos urros lanzados
polos canteiros ó subiren grandes pedras.
Un segundo elemento
achegado por Cuíñas ó San Fins foi o Santo de Pólvora, pequena falla con
movemento que representa oficios tradicionais coma o dos canteiros ou o
dos afiadores. A presenza da foguetería continúa tamén coa Traca e a
Roda de Fogo.
Por último, Saturnino Cuíñas converteu o San Fins
do Castro na capital galega da música tradicional. As mellores
agrupacións folclóricas, coros, bandas de música e grupos de gaitas,
entre eles Os Enxebres de Neaño, acudían cada un de agosto a Cabana de
Bergantiños para amenizar procesións e merendas ata a caída do día.
A importancia como folclorista
Saturnino Cuíñas naceu con alma de músico. Desde a súa infancia,
rodeado de bailadores e gaiteiros, tomou compromiso de rescatar a
memoria musical de Galicia. Así, a súa memoria prodixiosa foi quen de
conservar coplas e cantos do seu Cotobade natal, como tamén melodías
Cabana, Ponteceso, Carnota, Corcoesto, Cambados. Todo ese legado
folclórico, retido na súa cabeza, foille cedido, sen nada a cambio, a
toda persoa que se achegase a el. De todos modos, sería a agrupación
coruñesa Cántigas da Terra, grazas á amizade co seu director, Adolfo
Anta Seoane, quen tivo a fortuna de recoller no seu arquivo musical todo
o traballo de recolleita desenvolto por Cuíñas ó longo de toda a súa
vida. Entre a obra recollida están as foliadas de Augasantas, de Bora,
de Vilaxoán, de Corocoesto, de Trabazo ou de Corcoesto. Ou as
pandeiradas de Cesullas, de Ponteceso, de Loureiro ou de Carnota. E
tamén os alalás de Cerdedo, de Santo Ourente ou de Carballedo. Cantos de
aninovo, de berce e de canteiros enriquecen o legado.
Ademais
de compilador de música tradicional, Saturnino Cuíñas foi un excelente
músico tradicional. Chegou a dominar instrumentos como a gaita, a
pandeireta, o bombo, a bandurria, o harmonio e a zanfoña. Na súa época,
xunto con Faustino Santaelices, foi unha das poucas persoas de Galicia
que interpretaba a zanfoña. Unha das súas históricas zanfoñas foille
entregada a Cántigas da Terra o 1 de agosto de 1945 na romaría de San
Fins. Despois, Cántigas interpretaría con ela cantos de cego por
distintos escenarios do país.
Como mérito polo seu labor
folclórico, a Real Academia Nosa Señora do Rosario concedeulle a Medalla
de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid. Os actos de
entrega tiveron lugar o 24 de agosto de 1954 na Casa da Cultura da
Coruña. En xornada de tarde, na Praza de Touros da cidade herculina
celebrouse unha festa folclórica coa participación das agrupacións
Cantigas e Agarimos de Santiago, Follas Novas, Aturuxo e a Masa Coral da
Fábrica de Tabacos da Coruña.
ttp://www.concello-cabana.es/ga/web/index.php?mod=int&tip=3&lug=3
Moncho Do Orzán
Por certo, Cántigas da Terra custodia no seu arquivo dúas zanfonas centenarias. Unha pertenceu a Perfecto Feijóo (doada polo seu fillo Carlos) e a outra a Saturnino Cuíñas. Sen dúbida ambas as dúas sobrepasan con creces os 100 anos e posíbelmente os 150 tamén.
No hay comentarios:
Publicar un comentario