lunes, 18 de abril de 2011

Banda de Música de Bragaña

Banda de Música de Bragaña
A Banda de Música da Bragaña Cuntis





Na parroquia de San Fiz de Estacas, situada a pouco máis de tres quilómetros da capital municipal, e formada polas entidades de A Bragaña, O Casal, Magán, Teaño, A Torre e Vilameán, tería lugar a fundación da primeira banda de música con que contou o concello de Cuntis, feito que tivo lugar entre o ano 1883 e 1885 por iniciativa do reputado músico Víctor Ruíz Arrollo.

Era Víctor un mozo orfo desde moi neno, con extraordinarios dotes musicais, que vivira sempre nun hospicio en Burgos, de onde era natural. Facendo o servizo militar, e sendo un destacado membro da banda do exército, coñeceu ao cuntiense Ventura Escariz Hermida, con quen trabaría axiña unha estreita amizade que fixo que este lle propuxera vir vivir para A Bragaña e poñer en marcha unha banda de música.
E efectivamente veu para as nosas terras, onde casaría cunha moza chamada Rita Blanco, da propia Bragaña, e aquí viviría o resto dos seus días.

Foron moitos os rapaces da zona que aprenderon música con Víctor, quen en lugar de dirixir a banda preferiu tocar o bombardino, polo que houbo que buscar quen levase a batuta. O primeiro director da agrupación sería o vigués Xosé Pena. Pola súa parte Víctor Ruíz, sempre designado como ‘‘don Víctor’’ polos compoñentes da formación, permanecería nela durante máis de cincuenta anos; practicamente até a súa morte.
Estacas foi sempre unha parroquia cunha grande vocación musical (cómpre tamén recordar, no que respecta á música tradicional, que un dos grupos de gaitas máis representativos e estables do concello, chamado primeiro Os Da Torre e despois Airiños de Cuntis, formouse tamén nesta mesma parroquia, concretamente na Torre). Nestas terras era rara a casa na que non vivía algún músico; a afección e os dotes musicais daquel entón aínda se conservan candentes na actualidade.

De entre os músicos con que contou a Banda de Música da Bragaña cabería destacar a Xoaquín Escariz, Fillo de Ventura, que despois dun tempo emigrou a Cuba xunto cos seus irmáns Manuel e Xosé. Alí sabemos que continuaría cultivando a súa vea artística, pois os tres irmáns integráronse ao menos nunha importante banda, a da Fragata Sarmiento. Anos despois Xosé e mais el regresaron para Cuntis, mentres Manuel establecíase definitivamente en La Habana, onde ocuparía durante moito tempo o posto de subdirector da citada banda.

Ao regreso, Xoaquín pretendeu tomar a batuta da banda da súa parroquia natal, aínda que tivo que desistir perante a oposición de parte dos membros. Foi entón cando decidiu crear a súa propia banda en Cuntis que comezaría a funcionar en 1929, mantendo ambas formacións unha rivalidade que aínda se recorda ben a día de hoxe.

A da Bragaña chegou a ser unha das máis coñecidas bandas do país, que o percorreu case por completo naqueles vellos autobuses de Garrido; aínda que cando ían a lugares próximos, como Couselo, Arcos e mesmo a lugares máis afastados como Requián, adoitaban facer o traxecto a pé.

O seu nome chegou a ser recreado na obra literaria dalgúns dos nosos máis consagrados escritores. De entre eles destacaremos, ademais dalgunha alusión na obra de Álvaro Cunqueiro, a referencia en ton humorístico que fai Blanco Torres no poema ‘Romage de Post-guerra’, que forma parte do seu poemario Orballo da media noite:

(...)
A música da Bragaña,
ou a banda de Rivela,
ja non se estilan. ¿Quen hoge,
por atrasado que sea,
non se bota un charlestón,
un tango ou un “fox” na festa?
¿Quen aínda ao son da gaita,
ponse a beilal-a muiñeira?
(...)

Estivo dirixida por Andrés Fiúza, que fora clarinete principal na Banda de Vilagarcía, e que estivera en prisión debido a un violento altercado co alcalde da vila arousá. Outros destacados directores que tivo a banda durante a súa longa existencia foron Ramón Amor, que dirixira durante tempo a Tuna Compostelá, Andrés Blanco Rebornecho, Arturo Rodríguez, Baldomero Núñez Fuentes, Tomás Beteta (que viña da Banda do Rexemento de Santiago e que despois pasaría a dirixir a Banda de Padrón), Manuel Pastor Iglesias Domínguez...

Chegaron a sucederse na formación un total de dezaoito directores e, nos seus mellores momentos, contou até con corenta e cinco músicos. De entre os compoñentes que pasaron pola formación, rescatamos un número limitado de nomes, pois moitos xa non se recordan, especialmente os da primeira etapa. A continuación expoñemos a distribución dos músicos cuxos nomes puideron ser recuperados, independentemente do momento en que estiveron na banda :

Baixo: Xesús Coto, Ramiro Magán Viaño, Arturo Aboi.

Bombardino: Víctor Ruíz, Antonio Reboredo, Xesús Arca, Francisco Picallo Baños.

Bombo: Gumersindo Magán Viaño.

Caixa: Xesús Aboi Torres, Antonio Fuentes, Emilio Aboi Blanco (foi o derradeiro).

Clarinete: Manuel González, Arturo Torres, Xosé Arca Velai, Eduardo Agra, Xosé González, Xosé Rodríguez, Xosé Souto Loureiro, Manuel Formoso, Sindo Magán Viaño, Xermán López Dopazo (Xermán Chapín), Manuel Aboi, Constante Iglesias, Manuel Rei, Xosé Cascallar (despois pasou á Banda de Cuntis).

Frauta: Emilio Aboi Blanco (de Magán), Emilio Rodríguez (de Casaldeirigo).

Fliscornio: Manuel Magán (irmán do bombo e baixo; tío do clarinete), Ramiro Barros, Manuel Picallo, Enrique Xirei.

Pratos: Xosé Baños, Gumersindo Magán (ou ocasionalmente Manuel Picallo ou calquera músico da banda).

Requinto: Xosé Formoso (Pepe o Zoqueiro ou Pepe de Filomena, do Casal), Antonio Santos, Xosé Magariños (de Teaño), Manuel Pena Torres, Manuel Fuentes Fernández.

Saxo alto: Baldomero Núñez (tamén foi director), Ladislao (de Portela), Ernesto Torres (de Estacas), Manuel de Santos, Antonio Magán, Francisco Arca.

Saxo Barítono: Manuel Cascallar Nieto (foi despois para a Banda de Cuntis), Manuel Liñeira.

Saxo Tenor: Xosé Castro Paz (que foi subdirector), Antonio Torres Fariña (de Vilariño, morreu na guerra), Manuel Pena Torres, Manuel Eiras, Xosé Fernández, Xosé Costas.

Trombón: Eloi Souto, Manuel Blanco, Xosé Blanco, Manuel López (Manolo Chapín, que como o resto dos irmáns comezaron de nenos na Banda de Cuntis).

Trompa: Antonio de Soutelo (Souteliño, de San Mamede), Ramiro Magán, Xosé Liste (tamén estivo na Banda de Cuntis).

Trompeta: Baldomero Abalo, Laureano Arca, Manuel Blanco, Xosé Carballo, Xosé López (Pepe Chapín, que chegou a tocar na Banda da Escola de Infantería de Ferrol), Manolo Waldino (que estivo tamén na Banda do Ministerio do Exército e tamén na de Cuntis), Manuel Picallo.

Os directores adoitaban parar no Baño, na de Waldino ou na de Calveiro. Os que deixaron unha maior pegada quizá fosen Beteta e Andrés Fiúza. Deste último, que tocara o clarinete no Rexemento Zamora número 12, recórdase que, aínda que era un home moi tranquilo, nunha ocasión en que estaban tomando a chiquita en Caldas e un garda botoulle as cascas das castañas na súa cunca. Este pediu que lle puxesen outra. Ante a insistencia do garda en emporcallarlle a cunca, Fiúza liouse a golpes con el de maneira que da primeira pancada xa o guindou no chan e despois quería esnaquizalo alí mesmo. Ao parecer o motivo era unha moza coa que andaba Fiúza e que tamén lle gustaba ao garda.

Cando había contrato para dous sitios o mesmo día tense partido a banda para atender ambos compromisos. Era frecuente que nalgunhas festas en lugares cun presuposto moi reducido ou nos salóns de baile da época asistiran formacións de cinco ou seis músicos. Nos tempos en que era director Manuel Iglesias Domínguez produciuse unha innovación. Nos descansos das actuacións varios músicos mudaban a indumentaria e o instrumental e mantiñan á xente entretida cunha orquestra que chegou a ser moi popular. Deste xeito topámonos coa primeira orquestra fundada no noso concello: a orquestra ALAS. Eran un grupo de sete músicos que tamén tocaban ás veces por separado: os irmáns Xermán e Xosé López (Chapín), Manuel Picallo, Ovidio (de Troáns, que era o acordeonista), Antonio Fuentes (de San Mamede), Manuel Rei (de San Mamede), Pancho Arca (saxofonista, cuñado dos Chapín). Posteriormente Ovidio e Pancho emigraron a Buenos Aires. O Primeiro morreu alá; Fuentes falecería en accidente. Picallo, que tocaba o contrabaixo, recorda que mercou o instrumento de segunda man en Iria por novecentas pesetas, e desde alí tróuxoo para Cuntis nunha bicicleta axudado por Fuentes. Tamén tocou na orquestra algún tempo Manuel Santos. ALAS sería o precedente de grupos tan emblemáticos como serían posteriormente a orquestra TERMAS e LOS CUNTER’S, que animaron en multitude de bailes e verbenas de aldeas, vilas e cidades de todo o país a varias xeracións de galegos. Agardamos poder abordar algún día desde estas páxinas a traxectoria destes conxuntos que cumpriron un destacado papel na historia da nosa música local e na de Galiza en xeral.

Manuel Iglesias marchou despois como subdirector da Banda Municipal de Santiago. Morreu repentinamente mentres dirixía a banda durante un concerto en Compostela.

Polo que se refire ao tempo en que Beteta dirixía a agrupación, todos os músicos recordan ben o día en que estando nun ensaio sentiron un ruído que os asustou un pouco; posteriormente o chan foise abaixo, caíndo músicos e instrumentos ao piso inferior, onde estaban as cortes. Non houbo que lamentar, por fortuna, feridas de consideración, polo que todo quedou nunha simple anécdota na historia desta formación.
A Banda da Bragaña perviviría até o ano 1955 cunha interrupción durante a Guerra Civil que fixo que desde entón a banda primitiva fose coñecida como a Banda da Bragaña vella.

Despois da guerra as dúas bandas, a da Bragaña e a de Cuntis, estaban nun estado bastante precario. Isto foi a causa de que decidiran axuntar forzas e crear cos músicos que quedaban das dúas formacións unha única banda chamada LA UNIÓN, baixo a dirección de Ramón Amor. O proxecto durou pouco tempo, pois os resentimentos e desavinzas entre os membros das primitivas agrupacións conduciron de novo á escisión e ao funcionamento por separado, quedando R. Amor coa dirección da Banda da Bragaña. Con todo os problemas persoais, antollos ou diversidade de criterios fixeron que houbera músicos que se cambiaron dunha banda para a outra aparentemente sen ningunha pauta clara.

Os únicos músicos que estiveron na Banda da Bragaña nas súas dúas etapas (antes e despois da Guerra) foron Gumersindo e Ramiro Magán, Antonio Reboredo, Manuel Blanco, Xesús Aboi, Baldomero Abalo, Ramiro Barros e Eduardo Agra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario