- Por Fernando Otero Urtaza
El martes doce de abril, un puñado de pontevedreses tivemos a oportunidade de asistir a un concerto histórico con motivo do cincuentenario da morte de Manuel Quiroga Losada (1892-1961) . Aitor Hevia e Cibrán Sierra (violíns), Dénes Ludmany (Viola) e Elena Poggio (Cello), é dicir, o Cuarteto Quiroga que rende homenaxe permanente a aquel que forma parte do patrimonio inmaterial da nosa cidade como un dos mellores interpretes de violín do mundo no primeiro terzo do século XX.
Concerto histórico polo que ten de reivindicación dese patrimonio tan valioso e diciamos en 1992, ano do centenario, tan esquecido. Histórico pola oportunidade que nos deron de escoitar unha particular versión do Requiem de Mozart para cuarteto de corda, realizada polo compositor vienés Peter Lichtental (1780-1853) que o Cuarteto Quiroga readaptó utilizando o manuscrito de Mozart-Süssmayr para gardar unha maior fidelidade á partitura orixinal de 1791. Hai unha evidente intención de unir dúas carreiras rotas pola desgraza no mellor momento.
Soberbia interpretación
Da soberbia interpretación do Cuarteto Quiroga pouco hei de dicir, considerado pola crítica como unha das agrupacións mais importantes da súa xeración en Europa, o seu prestixio internacional é ben coñecido e no concerto fixeron honra á fama que lles precedía: afinación perfecta, equilibrio irreprochable, textura perfectamente clara e un son dunha calidade e unha amplitude digno da mellor orquestra de cámara. A maxistral interpretación do Cuarteto Quiroga emocionounos ata o punto de facernos esquecer que faltaba nela a variedade tímbrica da orquestra e sobre todo que aínda que non soaron as palabras, falaron os sons.
É o noso deber como pontevedreses e admiradores da figura do violinista universal agradecer, en primeiro lugar, a este cuarteto de mozos músicos que rendan homenaxe permanente a Quiroga levando o seu nome polos grandes auditorios do mundo. Debemos recoñecer ao Consevatorio de Música Manuel Quiroga e ao Museo de Pontevedra que nos brindaron o que posiblemente sexa o acontecemento musical do ano.
Parece que Pontevedra esperta lentamente do seu longo soño e aos poucos -Banda de Música, Sociedade Filarmónica (concertos homenaxe), Museo (exposición do cincuentenario) e sobre todo, a frenética actividade do Conservatorio (concertos didácticos, exposición documental, musical, exposición de traballos escolares en colaboración coas escolas asociadas á Unesco)- vai colocando ao que foi primeiro premio de violín do Conservatorio de París hai cen anos no lugar que lle corresponde.
Finalmente un desexo: que este novo impulso non termine co cincuentenario da morte de Quiroga, que as institucións políticas e económicas da cidade apoien ás culturais na realización dun soño longamente acariñado: celebrar o Concurso Internacional de Violín Manuel Quiroga, cónstame que a actual dirección do CMUS Manuel Quiroga está traballar niso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario